
- Editorial:
- EDITORIAL LAIOVENTO, S.L.
- Ano de edición:
- 2019
- ISBN:
- 978-84-8487-462-1
- Páxinas:
- 130
- Encadernación:
- Bolsillo
- Colección:
- Ventoalto
FÁBULA DE AVES
FORCADELA, MANUEL
Lingua morta, lingua estranxeira a que usan filósofos e poetas, tal como lemos na cita de Giorgio Agabem que encabeza a Fábula das aves. Moi viva e próxima, porén, a voz do vitalista escéptico a quen nomeamos Manuel Forcadela, entregado con paixón á luz do paradoxo, ao fulgor da dúbida. Os seus poemas interpretan con estilo moi natural os seus propios acenos e movementos e os diversos rexistros do seu pensamento e das súas emocións. Os ámbitos da evocación nostálxica, o pracer de certa sensorialidade decadente, a música antiga do alexandrino pautado en rigorosa distribución de pés métricos, os diálogos que equilibran acentos coloquiais e reflexión transcendente, entre outras constantes da súa poética, tensan como nunca os seus instrumentos de precisión no relato desta Fábula das aves, que é a fábula da vida de Manuel Forcadela.
A vida, esa mestura / da forza da vontade / e do poder do azar constitúe a materia central da Fábula das aves, cuxo magnífico voo discursivo se resolve con frecuencia en formatos de sátira elegante. Así nos momentos en que o autor escolle a voz desmitificadora da poesía e dos poetas mozos, autores de poemas por sempre inesquecibles / que xa ninguén recorda. Manuel Forcadela, sabio en artes de paixón escéptica, é consciente, porén, do permanente efecto transformador do poema, cuxo sentido simbólico non substitúe o real senón que o incrementa, tal como se verifica na lectura da Fábula das aves, alta música de pensamento e linguaxe.
Xosé Mª Ávarez Cácamo