- Editorial:
- BAIA EDICIONS
- Año de edición:
- 2020
- ISBN:
- 978-84-9995-342-7
- Páginas:
- 208
- Encuadernación:
- Rústica
- Colección:
- Narrativa
ENTRE DONAS
ALEIXANDRE, MARILAR / CAMPO, MARICA / FERNÁNDEZ RIAL, ROSALÍA / LÓPEZ SILVA, INMA / MOURE, TERESA / PEDREIRA, EMMA / REIMÓNDEZ, MARÍA / RÍOS, ELI / SUMAI, ANXOS / YÁNEZ, ANTÍA
Temos nesta obra dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais, diversas en estilo narrativo, experiencias, recoñecemento e noutros moitos aspectos vitais, pero que coinciden en tomar a palabra e falar con voz propia, colocando as mulleres no centro da historia.
En palabras recollidas do Epílogo de Ana Luisa Bouza:
Non hai que confundir a realidade co desexo dos homes, recoméndanos un dos relatos desta obra colectiva. Non hai que confundir a literatura coa ollada masculina. A simple acción de escribir, de pasar de lectora a autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista. Mais este cambio faise radical cando a escrita é feminista. Se ollamos alén da aparente banalidade da escrita de ficción, podémonos facer unha idea da importancia do relato dos relatos na socialización, na construción, destrución e cambio de estereotipos de toda caste, incluídos os de xénero.
[...]
Algúns modelos e relatos alternativos que se nos ofrecen dende a produción cultural, optan pola vía do cambio cuantitativo, expoñendo gran cantidade de exemplos que mostran opcións diferentes de comportamentos, coa pretensión (máis ou menos consciente) de provocar un efecto acumulativo, que vaia reforzando novas sinapses e debilitando as antigas de maneira que se adopten comportamentos máis adecuados ás demandas dos novos escenarios e situacións. Outros modelos procuran a vía cualitativa do cambio, contradicindo de maneira dramática o estereotipo tradicional, para que mude de golpe a nosa visión do que debe ser e do que pode ser. E que ese cambio sexa permanente.
As escritoras dos relatos desta obra colectiva, atopan eses escenarios e historias propicios a contradicir os argumentos da dominación. Algunhas re-visitando vellas historias dende a ollada feminina, outras re-significando os arquetipos clásicos, cunha nova explicación [...]. Usan a ironía como arma de combate simbólico [...].