- Editorial:
- EDICIÓNS POSITIVAS
- Ano de edición:
- 2020
- ISBN:
- 978-84-121415-3-5
- Páxinas:
- 142
- Encadernación:
- Rústica
- Colección:
- Plural
NACIONALISMO E ANARQUISMO NA GALIZA (1840-1940)
PEREIRA GONZÁLEZ, DIONISIO / FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, ELISEO
O devalar de entre os dous séculos pasados viu na Galiza o medre e consolidación de movementos como o agrarismo, o sindicalismo e o nacionalismo, nun contexto transnacional de combates anticoloniais
e loita de clases. Mentres os contactos entre o movemento libertario e o nacionalismo independentista foron notorios en países tan ligados a Galiza como Cuba, na nosa terra as devanditas relacións foron moi febles. Malia todo, ao longo do tempo existiu unha notable mellora das relacións e comprensión mutua, o que facilitou certa converxencia de ambas correntes na intervención social.
O feito de que os golpes militares de 1923 e 1936 estivesen dirixidos, quer a rematar coa guerra colonial de África, quer a conxurar a ameaza ascendente do separatismo e da revolución social, amosa tamén que aqueles dous proxectos diferentes tiñan ao cabo tanto inimigos comúns, como espazos compartidos. Un percorrido polos encontros e desencontros entre nacionalismo e anarquismo no período considerado, permítenos albiscar tamén as distintas sensibilidades que convivían nun e noutro movemento.
Cómpre ter en conta, ademais, que o asentamento do nacionalismo e do anarquismo na Galiza tivo como punto de partida uns presupostos ideolóxicos puramente teóricos, alleos ao país para os libertarios, ou debedores dunha visión etnográfica e tradicional para a maioría dos galeguistas; como consecuencia, en ausencia de prácticas a contrastar, houbo unha rixidez doutrinal que dificultou o diálogo entre dúas culturas políticas que, por demais, tiñan aniñado en diferentes clases sociais.
(da INTRODUCIÓN)