- Editorial:
- EDICIÓNS NIGRA TREA
- Ano de edición:
- 2014
- ISBN:
- 978-84-15078-36-4
- Páxinas:
- 112
- Encadernación:
- Rústica
- Colección:
- < Xenérica >
O TRAXE TRADICIONAL GALEGO
GONZÁLEZ PÉREZ, CLODIO
O traxe tradicional confórmase a finais do século XVIII por parte das clases populares, fronte á aristocracia e burguesía que seguían as pautas sinaladas polas modas estranxeiras. O seu desenvolvemento coincide coa Revolución Francesa, unhas das épocas máis convulsas da historia da humanidade, ao tempo que tamén se empeza a consolidar outra roupa por parte das clases dominantes, a moderna, antecesora inmediata da actual, de carácter igualitario e global.
Esta evolución non foi exclusiva de Galicia, senón da maioría das rexións peninsulares e europeas, adoptando deste xeito unha vestimenta diferenciada fronte á unificación cada vez máis intensa propiciada polas modas e a industria téxtil.
En xeral, trátase dunha indumentaria con características de seu, confeccionada polas mulleres da casa, e as costureiras e os xastres locais, utilizando basicamente tecidos e elementos ornamentais autóctonos, ata que coa mellora das comunicacións empezaron a chegar de fóra, en casos de moi lonxe.
Ao longo do século XIX a convivencia entre esta roupa e a considerada moderna, convértese nunha calada loita de clases, da que saíu triunfante a segunda, pasando por unha etapa «de transición» en que se mesturan elementos de ambas, sendo os máis representativos o pantalón e o chapeu, fronte aos tradicionais calzón e monteira.
A súa decadencia comeza a manifestarse dende mediados do século XIX, sendo xa crítica nas últimas décadas, en que se empeza a usar como folclórica, principalmente por parte de agrupacións musicais.
Os románticos foron os primeiros e fixarse na importancia do traxe popular, un dos piares da nosa idiosincrasia, xunto coa lingua, a música, a arquitectura e as tradicións.