
- Editorial:
- KALANDRAKA EDITORA
- Año de edición:
- 2018
- ISBN:
- 978-84-8464-373-9
- Páginas:
- 88
- Encuadernación:
- Rústica
- Colección:
- Biblioteca de teatro
EROSKI PARAÍSO
CHEVERE
Comedia documental que, a partir de historias reais, explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade ao longo dos últimos 40 anos.
Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, como se estivese parada exactamente no mesmo lugar mentres a vida lle pasaba por diante a toda présa.
Unha maneira coma calquera outra para retratar
o desarraigamento que arrastrou a unha parte da nosa
sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa fala,dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria.
[Fragmento do limiar de Xesús Ron: O estado de benestar desde o lado da sombra]
Eroski Paraíso é unha comedia documental que explora a memoria colectiva, a deriva vital e a transformación das relacións dentro dunha pequena comunidade a partir de historias reais recollidas sobre a sala de festas O Paraíso, que funcionou en Muros de 1972 a 1990 e que despois converteuse nun supermercado Eroski. Este feito repítese en numerosas vilas e cidades onde os cines, as salas de festa e outros espazos de socialización foron virando en lugares de consumo.
Dirixida por Xesús Ron, a obra adapta a linguaxe cinematográfica e os recursos do documental para artellar unha peza teatral na que os personaxes chegan a resultar máis reais que os propios intérpretes. Os protagonistas son unha parella que se coñeceu n O Paraíso, e a súa filla, nacida ao ano seguinte
do peche da sala. Vinte e cinco anos despois a moza estuda cine en Barcelona e volve á vila para facer unha película sobre os seus pais.
Premio María Casares 2017 á mellor dirección, mellor espectáculo, mellor actriz protagonista e mellor canción orixinal, Eroski Paraíso estreouse no Teatro Principal de Donostia e na antiga fábrica de conservas Sel de Muros en marzo de 2016. Durante dous anos representouse por toda Galicia, en Matadero - Madrid e máis dunha vintena de cidades, superando o centenar de funcións.
Coa colección Biblioteca de Teatro, KALANDRAKA contribúe á celebración dos 30 anos de Chévere publicando as súas obras completas para que os espectadores sigan gozando do seu talento cando cae o pano. A iniciativa busca documentar ese teatro feito a pé de escenario, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo ton irreverente e canalla das súas producións