
- Editorial:
- EDITORIAL HUGIN E MUNIN
- Ano de edición:
- 2021
- ISBN:
- 978-84-123933-0-9
- Páxinas:
- 74
- Encadernación:
- Rústica
- Colección:
- Vólvense os paxaros contra as escopetas
O DERRADEIRO AMERICANO
A novela curta O derradeiro americano, de corte satírico e ambientada nun futuro afastado, decadente e, até certo punto, postapocalíptico, foi escrita polo polifacético John Ames Mitchell. Publicouse orixinalmente en 1889 na revista Scribners; máis tarde, en 1893, o autor quixo reeditala en volume exento e con algúns cambios. Nos anos posteriores tivo unhas vendas notables, se cadra, en parte, grazas ás suxestivas ilustracións de acompañamento, realizadas por Ames Mitchell e por outros artistas amigos.
O almirante persa Khan-li narra, a través dunha serie de entradas de diario, as aventuras á fronte dunha expedición que suca as augas do Atlántico rumbo ao descoñecido. Isto acontece nun mundo devastado polas catástrofes climáticas que resiste a duras penas tras o colapso tecnolóxico global e onde de moitos pobos non restan senón os refugallos, ínfimos vestixios de civilizacións pasadas. O comercio descontrolado, a cobiza humana e o seu culto ao diñeiro ou o afán egoísta e ousado de moitos arqueólogos metidos a descubridores son só algúns dos moitos albos que neste opúsculo reciben os retranqueiros dardos do autor.
Na ciencia ficción do século XIX, esta peza é a todas luces unha curiosidade, na medida na que foi capaz de adiantarse en sete décadas a O planeta dos simios (1963) do francés Pierre Boulle, novela coa que garda un parentesco evidente.